Monday 29 de April de 2024

Desprendemento do terreo na zona da Lagoa (Gandarío)


Nos últimos anos o Concello de Bergondo alerta, tanto á Demarcación de Costas como á Xunta de Galicia, propietaria da estrada AC-162, da erosión do terreo que se está a producir nos noiros da marxe dereita da vía ao seu paso por Gandarío (dirección Sada), na zona da Lagoa.

Hoxe, debido á rotura dunha acometida de auga nese punto, agraváronse os problemas no terreo, que están afectar ás beirarrúas, completamente levantadas, e ao firme da estrada, onde se pode ver unha gran fisura.

Agora mesmo están a traballar os operarios de Viaqua para solucionar a rotura na rede de abastecemento. Ata o lugar tamén se desprazou Protección Civil de Bergondo para sinalizar a zona e poñer vallas que impiden o paso dos peóns pola beirarrúa. Deuse aviso a Estradas da Xunta de Galicia para que acudan a avaliar os danos.

Desde o Concello úrxese, tanto á Demarcación de Costas como á Xunta, a que tomen medidas “dunha vez por todas” para garantir a seguridade neste punto, tanto no terreo como na estrada. Pola súa parte, a administración local valida un proxecto de renovación das beirarrúas para executalo cando se solucionen estes graves problemas.